Wednesday 01 de May de 2024

A Xunta apoia en Bruxelas unha maior protección dos consumidores de enerxía


O director de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou os días 7 e 8 de abril no pleno do Comité das Rexións, que aprobou 11 ditames sobre asuntos como o comercio de dereitos de emisións de carbono, a protección dos refuxiados nas súas zonas de orixe e a mellora do mercado único

A transición cara mercados de enerxía sostibles debe contar cos entes rexionais e locais e proporcionar aos cidadáns as ferramentas axeitadas para tomar decisións sobre os seus provedores de enerxía. Esta é a demanda que o pleno do Comité das Rexións (CdR) elevou á Comisión Europea durante o pleno celebrado os días 7 e 8 de abril, no que Galicia participa a través do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo.

O ditame aprobado, Un novo acordo para os consumidores de enerxía, elaborado a partir dunha comunicación do brazo executivo da UE do pasado verán, destaca a necesidade das autoridades locais e rexionais de contar con representación nos órganos de regulamentación da enerxía tanto a escala europea como nacional e sinala medidas encamiñadas a lograr mercados da enerxía sostibles e a erradicar a pobreza enerxética dos fogares. Neste senso, a asemblea de entes rexionais e locais pide que se mellore o acceso dos consumidores á información e que se cree un instrumento de comparación independente que axude aos cidadáns na toma de decisións sobre o seu provedor de enerxía. O CdR aposta, ademais, pola creación dunha factura estándar no espazo comunitario, así como pola innovación en contadores intelixentes sempre co obxectivo da racionalización do consumo. Do mesmo xeito, o texto recalca que todas estas medidas deben garantir condicións de competencia equitativas para os comercializadores de enerxía.

A dispoñibilidade e claridade dos datos, un obxectivo para o que UE traballa no marco da Estratexia do Mercado Único Dixital, é un eixo fundamental do ditame aprobado polos representantes locais e rexionais, xa que unha boa información outorga aos consumidores maior capacidade de decisión e alivia a situación dos fogares con menos recursos no acceso á enerxía, entendida como un dereito social fundamental.

Neste senso, a Xunta adoptou recentemente o Plan contra a pobreza enerxética 2016, que axuda ás familias máis vulnerables a facer fronte á factura da luz e incorpora o convenio asinado pola Xunta e as comercializadoras de enerxía de Galicia para que o goberno autonómico asuma o pago de dúas mensualidades da factura para evitar o corte eléctrico en caso de impago en vivendas particulares.

Homenaxe ás vítimas do 22-M
O pleno do Comité das Rexións gardou un minuto de silencio na honra das vítimas dos atentados do pasado 22 de marzo en Bruxelas. Na homenaxe participou tamén o presidente da rexión Bruxelas-Capital, Rudi Vervoort, que se dirixiu aos membros da asemblea por invitación do seu presidente, Markku Markkula.

Protección dos refuxiados nas rexións de orixe
Os representantes locais aprobaron tamén o ditame A protección dos refuxiados nas súas rexións de orixe: unha nova perspectiva, que pon o foco na acollida sostible de asilados e na mellora da atención nas áreas limítrofes aos lugares de conflito e nas partes seguras do propio país. O texto sinala o acceso á educación e ao emprego remunerado como factores de desenvolvemento local a ter en conta tamén para combater posibles radicalizacións relixiosas.

Dereitos de autor e Axenda Urbana
Os outros ditames que recibiron a luz verde do pleno abordan a modernización das normas sobre os dereitos de autor na que traballa a Unión Europea. Os membros do CdR aplauden esta revisión pero advirten do perigo de abolir o principio de territorialidade dos dereitos de autor e os seus efectos para a diversidade rexional e cultural do continente.
Con vistas ao lanzamento da Axenda Urbana da UE, o marco operativo das políticas urbanas do espazo comunitario, os representantes locais e rexionais reclaman que cidades e áreas rurais sexan entendidas como complementarias e que se respecte o principio de subsidiariade. A Axenda Urbana lanzarase mediante a sinatura do Pacto de Ámsterdam, prevista na capital holandesa o vindeiro 30 de maio.

Política económica
No referente á política económica, os membros do CdR pronunciáronse sobre a mellora da Unión Económica e Monetaria (UEM) proposta no informe dos cinco presidentes. O ditame que recibiu luz verde do pleno sinala a loita contra as disparidades rexionais como fundamental para combater as desigualdades sociais, fomentar o crecemento, crear emprego e mellorar a competitividade e cohesión dentro da UEM e a UE.

Por outra banda, o ditame defendido por Adam Banaszak (PL/CRE) acolle con satisfacción a contribución dos bancos nacionais de fomento no apoio do Plan de Investimentos para Europa, pero sostén que os bancos nacionais sen sucursais locais autónomas non sempre responden as necesidades das comunidades locais e rexionais. No debate deste texto participou László Baranyay, vicepresidente do Banco Europeo de Investimentos.

Outros asuntos da orde do día relacionados coa política económica da UE foron a perspectiva rexional e local sobre a estratexia do mercado único, unha política de comercio e investimento máis responsable e o programa de apoio ás reformas estruturais para o período 2017-2020.

Medio ambiente e cambio climático
As emisións de carbono á atmosfera e os seus efectos medioambientais, en liña co acordado no Cumio do Clima de París, centraron outro dos ditames aprobados no pleno. O pleno pide á UE que, na revisión prevista do réxime de comercio dos dereitos de emisión logo de 2020, se fixen correctamente os prezos destes dereitos a nivel internacional. O CdR apoia, ademais, medidas en favor do clima financiadas con polo menos o 20% dos fondos procedentes das poxas de dereitos. Estas medidas deben ser xestionadas polas rexións e concellos da UE. O debate contou coa participación do eurodeputado Ian Duncan, da Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria.

O pleno deu o visto bo tamén a un ditame sobre a mellora da notificación e do cumprimento da lexislación medioambiental, que nun 70% dos casos asumen as autoridades locais e rexionais. A asemblea aposta por eliminar custes administrativos e por poñer en marcha un procedemento de notificación máis eficiente.

O Comité das Rexións
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da UE. Está composto por 350 membros, 21 dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Este é o segundo dos seis plenos que o CdR prevé celebrar durante 2016 para debater as prioridades políticas e emitir ditames sobre as políticas comunitarias.